O Concello de Guitiriz leva a cabo tarefas de desinfección en todos os edificios municipais
Ademais das labores de desinfección periódicas que se están a levar a cabo nas vías e no mobiliario público, así como nos contedores, o Concello de Guitiriz decidiu desinfectar todos os edificios municipais.
Así, actuouse nos espazos onde se levan a cabo as actividades deportivas e culturais municipais como o pavillón, a Casa Barxa, e a Escola das Nenas en Parga. Tamén se desinfectaron o Punto de Atención á Infancia (PAI), o Centro de Día, os centros educativos, o centro de saúde de Parga, a casa consistorial, a Casa Habanera e o Telecentro.
Estes traballos foron realizados integramente polos operarios municipais e xa remataron na súa maior parte, unicamente queda por finalizar a limpeza dos centros educativos.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou a importancia destes traballos para previr futuros contaxios e explicou que “non houbo que contratar a ningunha empresa externa, fixémolo con recursos e persoal propio”.