O Concello de Guitiriz non cobrará a taxa de auga dos tres meses con problemas de potabilización
A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín García, informou que o equipo de Goberno decidiu non cobrar aos veciños a taxa de auga de 3 meses tralos problemas relacionados coa subministración de auga potable debido a unhas avarías. A rexedora destacou que “esta medida suporá para un aforro considerable no recibo correspondente aos meses de outubro, novembro e decembro”. O Concello enviou unha carta a cada veciño explicando dita iniciativa.
Regina Polín aclarou que durante o verán producíronse diferentes danos que provocaron problemas na auga da traída, acentuándose notablemente a turbidez que case todos os anos se detecta na auga encorada no pantano de San Xoán. A partir de setembro detectouse unha alarmante coloración por mor da elevada concentración de ferro. “Despois de moitos estudos levados a cabo, confirmamos que o problema provía de dentro do encoro e solucionalo resultou moi complexo polo período de seca durante o outono. Isto ocasionou que o municipio estivese sen suministro de auga potable para o consumo humano por un tempo” apuntou a socialista.
Investimentos municipais para mellorar a calidade da auga
A alcaldesa de Guitiriz destacou que o goberno municipal socialista investiu 41.000 euros para instalar un desferrizador co que se conseguiu eliminar o exceso dese mineral na auga. Tamén se procedeu á limpeza profunda dos depósitos para eliminar calquera resto de elementos que puidesen afectar á calidade da auga.
Próximas actuacións
Regina Polín avanzou que “dende o Concello estamos traballando para cambiar os filtros da potabilizadora e renovar a tubaxe que bordea o pantano, consultando con técnicos para comprobar se é posible unha limpeza do encoro co fin de manter o suministro nas mellores condicións e evitar novos problemas nos vindeiros anos”. A rexedora subliñou que o Concello está buscando novos aportes de auga que poidan ser empregados no caso de presentarse etapas de seca.