O Concello de Guitiriz oferta catro empregos temporais acolléndose ao Plan Único
O Concello de Guitiriz vén de abrir unha convocatoria de traballo temporal para catro persoas ao amparo do programa Fomento do Emprego do Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación Provincial.
O Concello solicitará por unha banda dous peóns por un período de dez meses a xornada completa para o mantemento de estradas urbanas en Guitiriz e Parga. Entre os labores que desenvolverá figura traballar como operario do servizo de auga potable, recollida de lixo e limpeza viaria; operario de Brigada Verde para a limpeza e mantemento de espazos públicos, vías, camiños e rutas de sendeirismo ademais de zonas verdes e instalacións deportivas. Finalmente será requerido tamén como operario de obras ou servizos de reparación e mantemento municipal.
Asimesmo solicita un conserxe-condutor por un período de 11 meses a xornada completa para atención nos servizos municipais de Centro de Día, actividades no pavillón municipal, peregrinos e actividades culturais. Tamén deberá traballar como condutor de vehículos municipais.
A última praza é un administrativo por un período tamén de 11 meses a xornada completa para apoio a secretaria e rexistro.
Nos dous primeiros casos o soldo mensual será de 930 euros mentres que para a última praza o salario será de 1.230 euros. Todo elo en cantidades brutas.
Para poder acceder a esta selección os interesados teñen que presentar o título de BAC ou similar para o posto de administrativo e os de conserxe-condutor deberán ter o carné de conducir tipo C. O resto non requiren outra titulación.
O prazo de presentación de candidaturas é de dez días naturais a partir da publicación no BOP. A selección de persoal será por concurso oposición.