O Concello de Guitiriz oferta clases de natación e tenis en Outeiro de Rei
O Concello de Guitiriz oferta para este curso 2023/2024 clases de natación e tenis a través dun acordo establecido co Centro Deportivo D10 de Outeiro de Rei polo que as persoas empadroadas no municipio terán un desconto nas tarifas destas actividades.
No caso de natación, dirixida a persoas maiores de 3 anos de idade, faranse catro grupos que terán as súas clases, de 45 minutos de duración, todos os luns. O prazo de inscrición rematará o 25 de setembro. As persoas que xa estean indo poden anotarse tamén para aproveitar o desconte e as que queiran ir noutro horario diferente do establecido poden anotarse e quedarán pendentes de dispoñibilidade do centro.
A actividade de tenis está dirixida a persoas maiores de 4 anos. Será un grupo aberto polo que o centro tratará de colocar a cada alumno e alumna no grupo e hora que solicitou no momento da inscrición. Todas as persoas que se anoten antes do 15 de setembro terán gratis os meses de outubro e novembro. As que se inscriban despois do 15 de setembro e antes do 15 de outubro, terán gratis o mes de novembro.
As inscricións deberán formalizarse no Concello de Guitiriz, onde as persoas interesadas tamén poderán solicitar máis información.