O Concello de Guitiriz organiza unha nova reunión informativa sobre o parque eólico Satrebares

TerraChaXa
Será este martes 11 de marzo, ás 21.00 hora na Escola Habanera
Imaxe recurso de eólicos
10 Mar 2025

O vindeiro martes, 11 de marzo, o Concello de Guitiriz celebrará unha reunión informativa para presentar e explicar o informe sobre o parque eólico Satrebares, realizado pola asesoría contratada polo propio concello. O encontro terá lugar ás 21:00 horas na Escola Habanera e está aberto á participación da veciñanza.

O proxecto do parque eólico Satrebares xerou preocupación entre a poboación, especialmente no que respecta ao seu impacto ambiental, patrimonial e social. A instalación deste tipo de infraestruturas adoita xerar debate en moitas zonas rurais, xa que, aínda que contribúen á produción de enerxía renovable, tamén poden afectar ao territorio, á biodiversidade e á calidade de vida da cidadanía. Neste caso afectaría ás parroquias de Labrada, Buriz, Os Vilares, Santa Mariña e San Xoán de Lagostelle.

Nesta reunión, os responsables do informe explicarán as súas principais conclusións, abordando cuestións como o alcance do proxecto, os posibles efectos na contorna e as implicacións para os habitantes da zona. Ademais, as persoas asistentes terán a oportunidade de expor as súas dúbidas e inquietudes.

Desde o Concello de Guitiriz animan a toda a veciñanza a acudir para informarse de primeira man e participar activamente nun tema que pode ter un impacto significativo no futuro do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.21876406669617