O Concello de Guitiriz pacta con ADIF aparcar o proxecto se non hai aprobación veciñal
O Concello de Guitiriz logrou, tralas últimas conversacións mantidas, o compromiso de ADIF de non executar o proxecto de supresión dos pasos a nivel en Parga se non se conta coa aprobación veciñal.
Desde a entidade ferroviaria comprométense a aparcar o investimento en Parga contemplado nas obras que o Ministerio de Transportes ten previstas para o Corredor Atlántico se nin o Concello nin os veciños e veciñas están convencidos con algunha das diferentes opcións postas sobre a mesa para levar a cabo a supresión dos pasos a nivel ao non contemplarse a construción dunha variante.
Agora Marisol Morandeira trasladaralle este acordo á veciñanza e, se o aceptan, o Concello enviará un escrito de obxección a ADIF solicitando que non se faga a actuación prevista na vía do tren desta parroquia baseándose no rexeitamento a esta por parte da corporación municipal e dos veciños.
A rexedora destaca que “sempre quixemos ir da man da xente de Parga e nunca estivemos dispostos a aceptar calquera proxecto que fose contra os seus intereses” e lembra que “no 2018 xa aprobamos en pleno unha moción rexeitando o proxecto inicial proposto por ADIF e, a partir dese momento, e como é o noso deber como Concello, escoitamos as outras posibilidades que propuxeron sen que chegase a convencernos ningunha”.