O Concello de Guitiriz porá en marcha a Aula Mentor
O Concello de Guitiriz vén de recibir unha subvención de 4.000 euros por parte do Ministerio de Educación e Formación Profesional, que se empregarán para a creación dunha Aula Mentor no edificio do Telecentro.
A subvención concedida polo Ministerio de Educación servirá para facer fronte a custos relacionados coa adquisición de material, difusión e mantemento de equipos informáticos. Esta achega faise realidade grazas a un convenio de colaboración asinado entre a administración municipal e o organismo estatal, cunha duración de catro anos, coa opción de prorrogarse polo mesmo período.
O proxecto Aula Mentor, está pensado para impulsar a formación, en diferentes ámbitos, entre persoas maiores de 18 anos, a través de iniciativas e sesións que se realizan de forma telemática con apoio da persoa administradora da aula de maneira presencial.
A concelleira Ainara Pérez, resalta a importancia de poder contar cunha Aula Mentor, xa que “permitirá ampliar a oferta da Formación Profesional, adaptando o seu acceso para toda a poboación, en calquera momento”. O feito de achegar este servizo á cidadanía “é de suma importancia”, posto que “evitará, en moitos casos, desprazamentos ás persoas interesadas en recibir dita formación”. Ademais, Pérez, fai fincapé, en que as ferramentas telemáticas aumentaron o seu protagonismo durante a pandemia da COVID-19. “ é necesario consolidar as alternativas existentes aos sistemas de formación presenciais”, comenta.
A través da Aula Mentor ofertaranse cursos de formación de diversas temáticas. Así, por exemplo, para persoas pertencentes a colectivos vulnerables proxéctanse sesións de técnicas de atención ao cliente, imaxe corporativa así como cursos de agricultura ecolóxica e emprendemento dixital.
A formación dirixida a mulleres do ámbito rural, vai dende programas de atención a persoas en situación de emerxencia ata talleres específicos de detección e prevención de violencia de xénero.
Por último, tamén haberá oferta de cursos pensados para persoas sen coñecementos previos de informática, iniciación a Internet, manexo de procesadores de texto ou fotografía dixital.