O Concello de Guitiriz presenta o proxecto de reforma da casa consistorial

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz elaborou un proxecto valorado en 40.
ReformaPrimeiraPlantaConcello
11 Feb 2020

O Concello de Guitiriz elaborou un proxecto valorado en 40.000 euros para a reforma e redistribución de diferentes estancias situadas no primeiro andar da casa consistorial, que actualmente non conta coa disposición adecuada para cubrir as necesidades dos traballadores e da cidadanía.

Desde o comezo do novo mandato, o goberno local de Guitiriz detectou unha serie de necesidades, tanto de tipo estrutural como laboral, na actual disposición do edificio do concello. Existen postos de traballo situados en zonas de circulación onde se fai difícil realizar as tarefas propias da administración.

Con este proxecto, tamén se pretende reubicar postos de traballo co criterio dunha maior eficiencia e un organigrama máis axeitado as necesidades actuais. Aportarase unha maior comodidade ós traballadores municipais, con maior transparencia e facilidade a hora de resolver as súas necesidades.

As actuacións que se levarán a cabo comprenden:

  • Demolición dun tabique existente entre as oficinas e a zona de acceso-espera, substituíndoa por outra de vidro transparente.
  • Peche dun posto de traballo, actualmente na zona de circulación, incorporándoo ó despacho anexo.
  • Substitución dunha división existente entre os despachos que se atopan detrás do ascenso, cunha porta de paso para facilitar a relación interna dos traballadores.
  • División do actual despacho de alcaldía en dous, dado que na actualidade posúe unhas dimensións excesivas para a súa función. Tamén e necesaria unha sala de xuntas independente do mesmo despacho pero á súa vez relacionada internamente.

O proxecto inclúe a dotación de mobiliario para os despachos e estancias resultantes como mesas, caixoneiras, armarios, cadeiras ergonómicas e cadeiras confidentes.

Actuación previa na planta baixa

Previamente ao inicio destes traballos, o Concello xa levou a cabo unha serie de pequenas modificacións para mellorar a accesibilidade na zona de atención ao público situada na planta baixa do edificio, substituíndo o mostrador existente por unhas mesas, máis baixas e funcionais.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou que “con poucos recursos, esta serie de actuacións que vamos levar a cabo mellorarán substancialmente o traballo do día a día e a relación laboral dos técnicos cos veciños e veciñas”.

0.14760899543762