O Concello de Guitiriz presentou este venres o XX Rally Rías Altas Clásico

TerraChaXa
A sesión estivo a cargo do Moto Club Coruña-Escudería Centollo, equipo organizador, e da alcaldesa
presentacion-rallye-rias-altas-guitiirz
11 Out 2024

O Concello de Guitiriz presentou este venres no Iberik Balneario de Guitiriz o XX Rally Rías Altas Clásico, proba que se celebrará no municipio o sábado 19 de outubro. A proba foi presentada en conxunto polo Concello e o Moto Club Coruña-Escudería Centollo e conta coa colaboración da Asociación Lucense de Automóviles Antiguos.

O acto de presentación contou coa participación da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o concelleiro de deportes, Iván Morado, o vogal do equipo organizador, Eduardo Iglesias, e o representante do Iberik Balneario de Guitiriz, Miguel Veiga.

A competición desenvolverase durante a tarde do sábado, 19 de outubro, e terá o seu epicentro no Concello de Guitiriz, cun percorrido total de 175 quilómetros que cruzará os concellos de Guitiriz, Xermade, Aranga e Monfero.

A saída está programada desde a praza do Campo da Feira e a meta será no Iberik Balneario de Guitiriz. A hora de comezo aínda non está confirmada, pero esta prevista ao redor das 15:30 horas, xa que o rally será unicamente de tarde.

A esta cita acudirán equipos das distintas escudarías de clásicos de Galicia, da Asociación de Amigos del MAHI e mesmo algún equipo da comunidade de Asturias.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quixo destacar que “esta é a cuarta vez que o rally ten o seu epicentro en Guitiriz”, resaltando tamén o idílico escenario escollido para a meta, o Balneario de Guitiriz: “Chegar aquí é un luxo”, apuntou.

Na mesma liña, o vogal da Moto Club Coruña-Escudería Centollo, Eduardo Iglesias, comentou que “a idea é acabar aquí, no balneario, para despois expoñer os coches no aparcamento”, algo para o que se pechará esta zona, segundo confirmou o representante do Iberik Balneario de Guitiriz, Miguel Veiga.

Iglesias tamén desvelou que “polo momento hai inscritos 32 coches, máis que o ano pasado, así que supoñemos que chegarán a ser sobre 40 participantes, xa que as inscricións pechan o luns 14 de outubro e a fin de semana de antes sempre adoitan entrar máis”.

A competición terá unha duración estimada dunhas seis horas e unha vez rematada a proba haberá unha cea entre todos os participantes e os representantes.

0.1625509262085