O Concello de Guitiriz publica o temario para o posto de conserxe do colexio
O Concello de Guitiriz tiña previsto comezar nestas datas o proceso para a selección, mediante sistema de oposición libre, de persoal funcionario interino para o posto de Conserxe do colexio ou das instalacións municipais. A paralización dos prazos administrativos é unha das medidas previstas no estado de alarma que estamos a vivir actualmente para conter a expansión do coronavirus, como tamén o é a obriga de permanecer nas casas. Por iso, o goberno local decidiu que, aqueles interesados ou interesadas en participar no proceso, poderían aproveitar este tempo de confinamento para preparar a oposición, que se publicará en canto a situación o permita. Así, adxuntamos nesta publicación o temario, coa parte teórica e práctica, que os aspirantes poderán ver posteriormente nas bases do proceso.
O procedemento de selección será o de oposición libre e consistirá na realización de dúas probas eliminatorias:
A primeira proba contará con dúas partes a realizar o mesmo día. Unha de contido teórico cun cuestionario tipo test de 50 preguntas (máis 3 de reserva) con 4 respostas alternativas das que só unha será correcta, sobre os temas da Parte Teórica do Temario. As respostas correctas valoraranse en 0,2 puntos, as incorrectas descontarán 0,067 puntos e as non contestadas non penalizarán. O tempo máximo do exercicio serán 60 minutos e esixirase acadar como mínimo 5 puntos.
A segunda proba será de contido práctico cun cuestionario tipo test de 15 preguntas (máis 2 de reserva) con 5 respostas alternativas, das que só unha será correcta, sobre os temas da Parte Práctica do Temario. As respostas correctas valoraranse en 0,6 puntos, as incorrectas descontarán 0,3 puntos e as non contestadas non penalizarán. O tempo máximo do exercicio serán 60 minutos e esixirase acadar como mínimo 5 puntos.
A segunda proba será a de coñecemento de galego. Quedará exento quen acredite estar en posesión do CELGA 3 ou superior.