O Concello de Guitiriz remata as obras de acceso a Ixavara, en Santa Cruz

O Concello de Guitiriz continúa traballando na renovación da súa rede viaria a través do Plan de Mellora de Camiños 2024-2025.
Se na anualidade pasada, 2024, realizouse o aglomerado da estrada que conecta Penabico con Candorco, na parroquia de Santa Cruz, agora foi a quenda da estrada de acceso a Ixavara, situada nesa mesa zona. Recentemente rematáronse os traballos de reparación do citado acceso, onde se realizou o aglomerado da estrada.
A obra, que se levou a cabo coa segunda fase do Plan de Mellora de Camiños 2024-2025, contou cun orzamento total de 94.305,88 euros (IVE incluído).
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “esta mellora na estrada de Ixavara é un paso máis no noso compromiso por ofrecer accesos seguros e de calidade no rural, onde seguiremos traballando proximamente”.
Máis intervencións nos próximos meses
Nos vindeiros meses, o Concello de Guitiriz continuará co seu plan de melloras en infraestruturas municipais, cun total de seis actuacións programadas a través do Plan Deputación que beneficiarán tanto a zonas industriais como a diversas parroquias do municipio.
Por exemplo, no Parque Empresarial de Guitiriz realizaranse dúas intervencións, coa adecuación de finca propiedade do Concello, con zona de lavado e aparcadoiro, e a renovación dos vestiarios da nave municipal.
Outra actuación contempla traballos no acceso a Samesode, na parroquia de San Salvador, e o afirmado da rúa San Xosé en Parga. Do mesmo xeito, na parroquia das Negradas realizarase o acondicionamento de accesos nos Candedos e Tarroeiras.
Nas parroquias dos Vilares e Buriz traballarase no acondicionamento do vial de A Fontecribo a Rego Pequeno e nos accesos a A Abeleira e San Cibrao. E, por último, na parroquia de Pígara realizarase o acondicionamento do vial de Embande a Revolta.
Con estas actuacións, o Concello de Guitiriz reafirma o seu compromiso cun desenvolvemento equilibrado do seu territorio, buscando mellorar as condicións de vida de veciñanza no conxunto do municipio.