O Concello de Guitiriz solicitará ao Ministerio de Transportes a transferencia da travesía urbana da N-VI
O goberno local leva esta proposta a pleno tras constatar previamente a receptividade da Demarcación de Carreteras, que entregaría a vía en perfectas condicións.
O goberno local de Guitiriz levará hoxe, xoves 27 de xaneiro, a pleno unha proposta para solicitar desde o Concello ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a transferencia da travesía urbana da N-VI ao seu paso por Guitiriz para mellorar e axilizar as diferentes xestións aos veciños.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, leva esta proposta a pleno tras constatar previamente, nunha reunión co xefe da Demarcación de Carreteras, Ángel González del Río, a receptividade da administración estatal, que se comprometería a entregar a vía en perfectas condicións, realizando os arranxos oportunos previamente.
O obxectivo da transferencia é concentrar todos os trámites no Concello xa que na actualidade calquera obra, grande ou pequena, a facer nos edificios require da autorización municipal e estatal, co conseguinte retraso que isto significa. Así, todos os particulares terán o mesmo tratamento independentemente de en que rúa se atopen.
Por outra banda, tamén beneficiará aos negocios de hostalería xa que poderán enmarcarse dentro da ordenanza de terrazas que ten previsto aprobar o goberno local e non terían que adaptarse á estrita normativa estatal.
Marisol Morandeira explica que “queremos darlle un mellor e máis eficiente servizo á veciñanza e este cambio de titularidade permitirá reducir prazos e axilizar a concesión de permisos” e lembra que “cando teñamos a titularidade teremos que asumir o mantemento da vía pero é un custo asumible polos beneficios que traerá”.
Outros temas do pleno
Na sesión plenaria de hoxe tamén se someterá a votación a proposta de aprobación definitiva do orzamento municipal do ano 2022 tras resolver e desestimar a única alegación presentada; modificarase o réxime de dedicacións e retribucións da concelleira delegada de Turismo, que reduce nunha hora a súa xornada; e proporase a aprobación definitiva da 7ª modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT).