O Concello de Meira moderniza o pavillón municipal cunha actuación de eficiencia enerxética

TerraChaXa
A actuación permitiu renovar o sistema de iluminación, a substitución parcial da cuberta na zona dos vestiarios, así como a renovación da carpintería metálica do acceso principal
polideportivo-meira
1 Apr 2026

O Concello de Meira vén de rematar unha intervención destinada a mellorar o rendemento enerxético e as condicións do pavillón polideportivo municipal, unha instalación que acolle actividade durante todo o ano e serve de punto de encontro para numerosas iniciativas deportivas e sociais.

A actuación permitiu renovar o sistema de iluminación, substituíndo as antigas luminarias por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes e cun menor consumo enerxético. Esta mellora responde á necesidade de dotar ao recinto dunha iluminación axeitada, xa que anteriormente presentaba carencias neste aspecto.

Os traballos tamén incluíron a substitución parcial da cuberta na zona dos vestiarios, onde se instalou un panel tipo sándwich, así como a renovación da carpintería metálica do acceso principal, que foi cambiada por unha solución en PVC máis moderna e funcional.

Ademais, leváronse a cabo tarefas de mantemento e acondicionamento na fachada traseira do edificio, que incluíron a limpeza, a reparación de danos estruturais e a aplicación dun sistema de impermeabilización para evitar filtracións e mellorar a conservación do inmoble.

O proxecto, cun investimento superior aos 53.000 euros, contou co apoio económico da Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas destinada a concellos de menor tamaño. Con esta intervención, o goberno local busca garantir un mellor servizo á veciñanza e avanzar cara a unhas instalacións máis sostibles e eficientes.

0.1217930316925