O Concello de Mondoñedo vai renovar o alumeado do casco histórico e da Catedral

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Mondoñedo logrou captar un total de 360.
cartaz_entrega_premio2 copia_peq
16 Xuño 2020

O Concello de Mondoñedo logrou captar un total de 360.775,84 euros procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE).  Trátase de axudas a entidades locais para o desenvolvemento de proxectos singulares que o executivo local conseguiu para a renovación do alumeado público exterior do casco histórico da cidade e do alumeado ornamental da Catedral de Mondoñedo co obxectivo de diminuír o consumo eléctrico e aumentar a eficiencia enerxética.

Estes recursos únense aos máis de 76.000 euros que xa lograra captar o Concello na pasada anualidade e que, sumados aos 19.015 euros achegados pola administración local, permitiron ter xa instalados 350 puntos de luz no alumeado público exterior das parroquias do rural mindoniense.  “Quixemos comezar coa renovación de puntos de luz nas parroquias do rural; pero, agora, estes proxectos de eficiencia enerxética estenderanse tamén ao noso casco histórico”, explican dende o executivo.

Dende o goberno local sinalan que “estes proxectos para os que foron concedidas as axudas gardan consonancia coa estratexia da Unión Europea de operar cara a un crecemento sostible” porque “permitirán diminuír o consumo eléctrico e, polo tanto, suporán un importante aforro enerxético para as arcas municipais; ao mesmo tempo que contribúen a renovar servizos públicos no noso municipio”.

Renovación do alumeado do casco histórico e da fachada da Catedral

A renovación do alumeado público exterior no casco histórico de Mondoñedo desenvolverase en dúas fases. A primeira -que supón un coste de 172.767,28 euros e que contará cunha achega de 138.213,82 euros de fondos FEDER- consistirá na substitución de parte das actuais luminarias por lámpadas LED máis eficientes e na actualización de dous cadros de mando existentes para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación conseguirase un aforro enerxético estimado do 48,11%.

A segunda fase, para a que foi concedida unha axuda de 97.512,48 euros do total do coste de 121.890,60 euros, permitirá renovar outra parte dos puntos de luz existentes e actualizar outro cadro de mando. Neste caso, a actuación permitirá lograr un aforro enerxético estimado do 59,20%.

O proxecto para a renovación do alumeado ornamental da Catedral de Mondoñedo recolle a substitución de 40 proxectores con lámpadas de vapor de sodio de alta presión por outros proxectores LED e a incorporación doutros 51 novos puntos de luz con esta tecnoloxía que é máis eficiente. Conseguirase, deste xeito, iluminar a mesma superficie que anteriormente cun total de 91 puntos de luz máis eficientes que suporán un aforro enerxético estimado do 70,98%. Tamén se actualizará o cadro de mando da iluminación ornamental da Catedral para adaptalo a normativa vixente. A subvención concedida, neste caso, é de 125.049,54 euros e o coste da obra de 156.311,93.

0.10673093795776