O Concello de Muras abre unha enquisa á veciñanza para elaborar o 2º informe de seguimento do seu PACES

O Concello de Muras vén de lanzar unha consulta á veciñanza co fin de elaborar o segundo informe de seguimento do seu Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), documento de referencia para cumprir o compromiso do Pacto das Alcaldías, que busca reducir as emisións nun 40 % até 2030, mellorar a eficiencia enerxética e incrementar o uso de fontes renovables. O plan PACES foi aprobado no ano 2020 como folla de ruta do Concello para acadar estes obxectivos.
Consciente de que a participación cidadá resulta clave para medir os avances e detectar ámbitos de mellora, o goberno municipal solicita a colaboración de todas e todos mediante un pequeno formulario de preguntas.
O formulario permitirá recoller datos sobre hábitos enerxéticos, actitudes en materia de mobilidade, consumo e outras cuestións relacionadas coa sustentabilidade e o clima, de modo que a administración local poida calibrar o nivel de cumprimento e axustar as liñas de acción. A participación da cidadanía fortalece a transparencia e fai do plan un instrumento máis democrático.
Todas as persoas interesadas poden acceder á enquisa aquí. O Concello agradece de antemán a implicación da veciñanza na consecución dun Muras máis sostible e respectuoso co medio ambiente.