O Concello de Muras convoca as axudas para estudantes deste curso e do pasado

O Concello de Muras abriu o prazo de solicitude das axudas a estudantes destinadas a libros, material complementario, transporte, aloxamento e conexión a Internet, en función das etapas educativas.
Así, estas van de ata 50 euros para educación infantil e primaria ata 200 euros para Secundaria e Bacharelato. Para alumnado de educación especial ou con discapacidade as axudas aumentan ata 250 euros ou máis mentres que os estudantes universitarios e de formación profesional disporán de axudas que oscilan entre os 350 e os 1.000 euros dependendo dos seus ingresos.
Ademais, mantense unha liña de axuda máis novidosa, que son os cen euros para a conexión a Internet e estréase unha subvención de mil euros para estudantes no estranxeiro.
Debido a que estas axudas non puideron aprobarse en Pleno, como estaba establecido, este ano as axudas serán para o curso en vigor, e tamén para o curso pasado, 2023/24 con carácter retroactivo.
As axudas, que deberán solicitarse no Concello a través das vías habituais, terán de prazo ata 6 de marzo.
A liña de axuda de 100 euros, destinada a subvencionar a contratación de Internet nos fogares, créase "posto que é necesario que os estudantes conten cunha conexión de velocidade media-alta, para combater a fenda dixital, e garantir que todo o alumnado de Muras matriculado en calquera nivel educativo conte con este tipo de conexión"·, explica a convocatoria.
"O Concello, como Administración pública máis próxima á cidadanía, pode e debe poñer todos os recursos económicos dos que poida dispoñer para contribuír, mediante o establecemento de bolsas de estudos, aos gastos que lles supón ás familias o ensino dos seus fillos/as. O investimento na educación é sempre unha garantía de futuro para calquera sociedade", conclúe o alcalde, Manuel Requeijo.