O Concello de Muras devolve os montes da Gañidoira e Ximarás aos veciños

TerraChaXa
O concello de Muras celebrou un pleno extraordinaria cun punto único na orde do día, para resolver o expediente de investigación da titularidade dos bens e proceder a dar de baixa do inventario municipal os terreos que conforman os Montes da Gañidoira e Ximarás.
05_22112018_PLENO MURAS
27 Nov 2018

O concello de Muras celebrou un pleno extraordinaria cun punto único na orde do día, para resolver o expediente de investigación da titularidade dos bens e proceder a dar de baixa do inventario municipal os terreos que conforman os Montes da Gañidoira e Ximarás. Unha vez que notifiquen a liquidación do consorcio dos Montes, que foi solicitado á Xunta de Galicia na sesión plenaria anterior e que informaron que tardará arredor de 3 meses, os veciños e veciñas poderán disfrutar do pleno dominio despois de case 70 anos de espera.

O acordo aprobado onte por unanimidade dos presentes, consistiu en  estimar no seu conxunto as alegacións presentadas polos interesados no procedemento de investigación, en declarar que a titularidade dos Montes da Gañidoira e Ximarás non correspondía ao Concello e finalmente en rectificar e excluír do Inventario de Bens e Dereitos da Corporación municipal, a inscrición dos bens inmobles de naturaleza rústica investigados, que conforman un total de nove parcelas ata agora catastradas a nome do concello de Muras. A partir da notificación do acordo aos organismos pertinentes, os veciños afectados poderán inscribir os bens no catastro e no Rexistro da propiedade.

O alcalde, Manuel Requeijo manifestou que “hoxe é un día pra recordar na historia de Muras, porque faise xustiza nun asunto que acarreou moitos desgustos, de paus e multas, aos veciños e veciñas de Muras. Prometemos hai tres anos que iamos resolver este tema e onte quedou solucionado, somos xente de palabra.” O rexedor tamén engadiu que “despois de tantas promesas, enganos, e trabas como a inclusión no inventario dos Montes feito polo Ex-Alcalde, por fin case 70 anos despois, os lexítimos propietarios recuperan a propiedade arrebatada polos caciques. Hai xente con máis de 90 anos que leva esperando este día hai moito tempo, e por fin cumpriuse. Onte foi un día especial para eles e tamén para nós como grupo de goberno.”

0.18687582015991