O Concello de Muras inicia a obra de instalación dun ascensor na casa consistorial
O Concello de Muras está a realizar xa as obras de instalación dun ascensor na casa consistorial, obra moi demandada polos veciños xa que carecía de acceso para persoas con problemas de mobilidade ao tratarse dun edificio moi antigo.
"Somos un dos poucos concellos que quedaban sen facer esta acción e xa ía sendo hora así que estamos moi satisfeitos", explicou o alcalde de Muras, Manuel Requeijo.
As obras, que se prolongarán durante tres meses, xa deron comezo e ata o momento realizouse a apertura do oco onde irá o ascensor.
Por outra banda tamén deron comezo varias obras de aglomerado de rúas incluídas no Plan Único e valoradas en 119.000 euros. Trátase de tres quilómetros na zona do Mouriscon e a mesma distancia na estarda de As Pandas a Bustelo. Así mesmo, inclúense a mellora de rúas en Ceilán, un total de 400 metros e a mesma distancia na estrada de Carelle a Barral.