O Concello de Muras potenciará a carne de poldro tralo éxito da hamburguesa Gañidoira na XXX Feira do Poldro

TerraChaXa
O Concello de Muras continuará a traballar na potenciación da carne de poldro tralo éxito colleitado pola proposta gastronómica presentada na XXX Feira do Poldro e do Gando Bravo do Monte que se celebraba no alto da Gañidoira este domingo 24 de setembro.
O Concello de Muras homenaxea ao ex alcalde Pepe Soto como impulsor da Feira do Poldro
25 sep 2017

O Concello de Muras continuará a traballar na potenciación da carne de poldro tralo éxito colleitado pola proposta gastronómica presentada na XXX Feira do Poldro e do Gando Bravo do Monte que se celebraba no alto da Gañidoira este domingo 24 de setembro.

Durante a xornada esgotáronse as existencias da hamburguesa gourmet "Gañidoira" elaborada con carne de poldro, pan de espelta, queixo da DOP San Simón da Costa e maionesa con soia elaborada por Antonio Díaz –do restaurante Andarubel das Fragas do Eume-. Pero, este éxito foi un reflexo do éxito da participación do público que ata o mediodía se achegaba ao recinto para desfrutar das diversas propostas e actividades da xornada á que acompañou o tempo ata o mediodía.

Precisamente ao longo da mañá se desenvolvían as transaccións do gran volume de gando que participaba na feira. "Os prezos foron superiores aos da pasada edición". Así, este é outro dos aspectos positivos da feira que destaca o alcalde, Manuel Requeijo.

O roteiro polo Xistral para a observación dos cabalos en liberdade celebrado na xornada do sábado 23 tamén tivo moi boa acollida. De feito, dende PURAGA explican que "ás 15 animosas persoas participantes fíxoselles curto o percorrido e pedíronnos que para a seguinte vez fora máis longo o percorrido a pé" Da man de Isabel Casariego e Natalia Carballal puideron comprender as dificultades coas que os gandeiros e gandeiras continúan a criar cabalos en semiliberdade: o lobo, o pasto arbustivo ou a comercialización da carne. Durante o percorrido tamén puideron apreciar "a importantantísima laboura que fan os nosos animais na conservación da biodiversidade, do voitre, das labercas, dos amarelles ou do dente can".

Autoridades
Á cita que cumpría 30 anos e que os celebraba cunha exposición fotográfica e un acto de homenaxe aos seus impulsores a través do recoñecemento ao ex alcalde, Pepe Soto, acudía tamén a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; o deputado de Turismo na Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; os parlamentarios Ana Pontón, Olalla Rodil e Luís Álvarez; a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín; e o alcalde de Xermade, Roberto García; ademais dos membros da corporación municipal.

0.18918585777283