O Concello de Outeiro de Rei desenvolverá o programa de voluntariado ambiental 'Embaixadores do Miño'
O Concello de Outeiro de Rei, comprometido coa conservación e desenvolvemento sostible do seu entorno, pon en marcha o programa "Embaixadores do Miño" promovido por este concello e subvencionado recentemente pola Consellería de Política Social.
O programa de voluntariado está dirixido á xuventude con idades comprendidas entre 16 e 35 anos que actuará nesta edición ao redor do sistema fluvial do río Miño onde se localiza un importante patrimonio cultural e natural, concretamente no Salto do Piago, Campo de Santa Isabel e no tramo da ruta de sendeirismo Camiño do Miño que discorre entre ambos espazos.
Será o sábado 16, o domingo 17 e tamén o sábado 23 e o domingo 24. A primeira será unha xornada informativa para os voluntari@s que se desenvolverá entre as once da mañá e as dúas do mediodía para sentar os coñecementos básicos e valores que permitan desenvolver unha sociedade sostible que cree proxectos sostibles. A segunda, no mesmo horario, consistirá nunha saída guiada ao campo para descubrir a riqueza natural dos citados espazos adquirindo destrezas para saber comunicar ditos contidos como embaixadores.
O sábado 23, nunha xornada orientada aos coidados do río que se desenvolverá entre as dez da mañá e as seis da tarde, realizaranse labores de limpeza, colocación de caixas niño, creación de carteis informativos e divulgativos, entre outras actividades; incluído o xantar picnic. O domingo, en horario de catro a tarde a sete e media do serán, rematará o programa cunha xornada aberta ao público en xeral, onde as persoas voluntarias actuarán como embaixadores da súa contorna dando a coñecer os valores naturais entorno ao río Miño ao seu paso polo concello de Outeiro de Rei. Ao finalizar esta última xornada sortearase unha bicicleta entre os e as participantes e durante o programa farase entrega dalgún agasallo.
As persoas interesadas poden realizar as súas inscricións no servizo de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Outeiro de Rei do 6 ao 14 de setembro en horario de nove da mañá a dúas do mediodía ou a través do teléfono 982 393 382. Ofértanse 20 prazas que serán cubertas por orde de inscrición tendo preferencia as persoas empadroadas en Outeiro de Rei.