O Concello de Outeiro de Rei fai públicos os resultados do concurso de disfraces deste Entroido

LugoXa | TerraChaXa
A xornada marcada pola elevada asistencia e polo gran nivel das propostas presentadas
premio-comparsa-outeiro-funkofest
28 Feb 2026

Numerosas persoas participaron na Festa de Entroido e no Concurso de Disfraces de Outeiro de Rei, nunha xornada marcada pola elevada asistencia e polo gran nivel das propostas presentadas. Aínda que o tempo non acompañou, foron moitas as persoas que decidiron sumarse á celebración e gozar dunha tarde chea de cor, música e animación.

A festa estivo amenizada polo dúo Eclipse, que puxo ritmo á tarde carnavaleira e animou ao público a bailar nun ambiente festivo e familiar. Ao longo da xornada, os diferentes disfraces competiron polos 2.180 euros en premios distribuídos nas distintas categorías convocadas pola organización.

A alta participación, a maior rexistrada ata o momento, e a calidade das comparsas obrigaron ao xurado a conceder tres premios especiais adicionais nesta modalidade, recoñecendo así o esforzo e a creatividade das agrupacións participantes.

Na categoría de comparsas, o primeiro premio, dotado con 500 euros, foi para Funkofest; o segundo premio, de 300 euros, recaeu en Cuerda para Rato; e o terceiro, de 200 euros, foi para Entroido na Galega. O premio especial á mellor comparsa de Outeiro de Rei, cunha dotación de 150 euros, foi para Ca Cabeza na Lúa e cos Pés na Terra. Ademais, concedéronse tres premios especiais máis: A Fábrica de Dulces, con 100 euros; Os Punkis da Miña Terra Galega, con 60 euros; e El Mundo de las Hadas, con 50 euros.

Na categoría de parellas, o primeiro premio, de 200 euros, foi para Bioshock, mentres que o segundo, de 120 euros, foi para O Ourizo do Souto Sagrado.

En modalidade individual, Batman acadou o primeiro premio, dotado con 150 euros, e La Fábrica de Chocolate levou o segundo, de 100 euros.

No apartado infantil, o primeiro premio, de 150 euros, foi para O Bosque Máxico, e o segundo, de 100 euros, para A Ratita Presumida.

O éxito de participación e o ambiente vivido consolidan esta cita como unha das máis destacadas do calendario festivo local, reafirmando o Entroido de Outeiro de Rei como un referente comarcal destas celebracións.

0.11927604675293