O Concello de Outeiro de Rei xestionará un curso para desempregados con preto de 34.000 euros da Xunta

TerraChaXa
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 704.
casa concello outeiroderei
4 Aug 2017

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 704.200 euros a oito concellos da provincia de Lugo para o desenvolvemento de 20 cursos de formación dirixidos prioritariamente a traballadores desempregados.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que poderán participar nestas actividades 300 persoas sen emprego, “que recibirán unha formación axeitada aos requirimentos do mercado de traballo local”.

Os cursos forman parte da programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas (AFD) que ven de aprobar a consellería e suma iniciativas promovidas por concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro.

O delegado lembrou que a Xunta inviste en total á provincia preto de 11 millóns de euros na formación para o emprego, entre a programación AFD e os cursos de xestión propia.

Os Concellos que impartirán actividades AFD son os de Burela, Cervo, Xove, O Vicedo, Palas de Rei, Lugo, Outeiro de Rei e O Páramo. Balseiro lembrou que “a Xunta subvencionou a todos os Concellos que o solicitaron e todos os cursos que pediron”.

Así, o Concello de Burela recibirá 242.000 euros para a organización de seis cursos; o de Cervo disporá de 116.400 euros para catro cursos; o de Xove 91.400 euros para tres cursos; Lugo organizará dous cursos cun investimento da Xunta de 86.700 euros; O Páramo tamén acollerá dous cursos, por importe de 66.800 euros; e Palas de Rei, Outerio de Rei e O Vicedo organizan cadanseu curso por importes que rondan os 34.000 euros.

A metade dos cursos serán sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes, tanto en institucións como no domicilio. Tamén haberá formación en socorrismo, promoción turística, tratamento de datos e documentos ou xardinaría, entre outras materias.

Cabe lembrar que no conxunto da provincia están previstos en total 131 cursos AFD, pois aos 20 que promoven os concellos hai que sumar os 63 que impulsan distintas empresas e 48 de oito entidades sen ánimo de lucro; alcanzan un investimento de 6,4 millóns de euros.

Por zonas, nas comarcas de Lugo, Meira, Sarria, A Ulloa e Terra Cha vanse a impartir 94 accións formativas, que beneficiarán a 1.410 persoas desempregadas. Na zona sur serán 13 cursos, nos que poderán participar preto de 200 persoas, e na Mariña 24, que supoñen 210 prazas.

Os cursos comezarán a impartirse no mes de setembro, e deberán estar rematados en xuño do 2018. Como principais novidades, a presente convocatoria de cursos AFD terá carácter plurianual (2017-2018), o que posibilitará que se imparta unha formación máis completa.

Os alumnos e alumnas son seleccionados a través das oficinas de emprego e poderán acceder ás bolsas de axuda para gastos de transporte, manutención e conciliación, ás que a consellería destina 9 millóns de euros no conxunto de Galicia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17595219612122