O Concello de Pol leva a auga á parroquia de Lúa ante a falta de subvención da Xunta
O Concello de Pol está levando a cabo as obras de colocación da traída de auga ao barrio de Lúa na parroquia que leva o mesmo nome.
O Goberno local tomou a decisión de realizar estas obras con fondos propios cando lle foron negados unha parte dos 39.700 euros que solicitou á Xunta de Galicia, máis concretamente a Augas de Galicia, para levar a auga a esta parte do termo municipal.
A solicitude cursada ao ente autonómico estimaba que Augas de Galicia se fixera cargo de 31.700 euros mentres que o Concello de Pol se encargaría de cubrir os 8.000 euros restantes con fondos propios.
Segundo explica o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, “é indignante que tras recibir do Concello de Pol uns 80.000 euros do canon da auga nos deneguen a axuda para un servizo tan imprescindible para os veciños como é a auga”.
“Debido a esta inxusta situación e para que os nosos veciños tivesen este servizo de primeira necesidade non nos quedou outra que facernos cargo da obra cos nosos fondos, porque non podemos continuar máis tempo nesta situación”, engade.
Ónega asegura que a negativa da Xunta foi por falta de puntuación, “pero a puntuación non se pode ter en conta ante un proxecto como este que se trata dun servizo tan vital como auga”.
Indica que nese barrio hai tres casas que están sen auga e outras máis que teñen pero que é insuficiente. Indica que é un problema que se repite no tempo xa que todos os meses de setembro, tralo verán, teñen que levar auga cun camión a este lugar debido á situación de seca, algo que se agravou este ano e “queremos regularizar esta situación dunha vez”.
O alcalde avanzou que contan con ter auga no barrio da Lúa a mediados de mes. Engadiu tamén que “non é a primeira vez que temos que facernos cargo dunha obra pola falta de aportación da Xunta”.
Rodríguez Ónega referiuse tamén ao Partido Popular muncipal, ao que acusou de “estar falando sempre de irregularidades, que son falsas, e son eles os que non aportan para obras deste tipo tendo que ser o Concello o que se faga cargo de todo”.