O Concello de Pol ultima os detalles para reabrir o supermercado en próximas datas

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Para Lino Rodríguez Ónega, a apertura do supermercado supón garantir un servizo “fundamental” para o rural, sen ter que desprazarse a outros concellos
supermercado-spar-pol
13 Dec 2025

O Concello de Pol anunciará nos próximos días a apertura do único supermercado do municipio, reaberto nun longo proceso administrativo tras o peche provocado pola xubilación dos anteriores propietarios. O establecemento funcionará baixo a marca Spar Express, en réxime de franquía, e ofrecerá horario de atención de luns a sábado de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. Nos estantes xa se colocaron numerosos produtos non perecedeiros, mentres que os alimentos frescos incorporaranse poucas horas antes da apertura.

A posta en marcha deste servizo esencial foi posible grazas ao convenio aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, que destina 200.000 euros á Fundación Terras de Pol para impulsar proxectos no municipio, entre eles a recuperación do supermercado de Mosteiro. Segundo explicou a deputada García Porto, o peche do antigo establecemento deixou á veciñanza sen un recurso básico, e esta achega permitiu garantir de novo o acceso á compra diaria sen necesidade de desprazarse a outros concellos.

A Fundación Terras de Pol, promovida polo Concello e recentemente declarada de interese galego pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, nace co obxectivo de desenvolver iniciativas de dinamización local. O alcalde, Lino Rodríguez, destacou que a entidade permitirá avanzar non só na reapertura do supermercado, senón tamén noutros proxectos como a recuperación da antiga fábrica de embutidos Monciro ou a potenciación da área deportiva municipal.

O inmoble do supermercado foi adquirido polo Concello por 150.000 euros, dos cales 105.000 foron achegados a través dun convenio coa Deputación. O goberno local tamén valora habilitar vivendas sociais no piso superior. No caso da fábrica Monciro, avanzouse que a recuperación será máis lenta, ao precisar actuacións de restauración e adaptación á normativa vixente.

A través do convenio coa Deputación, tamén se financiou o equipamento necesario para a posta en marcha do establecemento, como cámaras frigoríficas, conxeladores, estantes, mesas de traballo, sistemas de cobro, elementos de seguridade e portas automatizadas. Ademais, a achega cubrirá durante un ano os custos salariais e de seguridade social das tres persoas que conformarán o cadro de persoal.

Para Lino Rodríguez Ónega, a apertura do supermercado supón garantir un servizo “fundamental” para o rural, sen ter que desprazarse a outros concellos. Ademais, permite recuperar servizos e loitar polo asentamento de poboación.

⚙ Configurar cookies
0.1179621219635