O Concello de Rábade abre o prazo para as escolas deportivas
O Concello de Rábade abriu esta semana o prazo de inscrición para as escolas deportivas municipais, que contan cunha media de cen nenos e nenas menores de idade.
Desde atletismo a rugbi, pasando polo fútbol, fútbol sala e baloncesto, tenis, voleibol, zumba, patinaxe, ximnasia rítmica, xadrez, taekwondo, loita, atletismo, balonmán ou tenis de mesa, o Concello conta con continuar un ano máis con este proxecto que promociona o deporte entre os pequenos. Como explica o concelleiro de Deportes, Alejandro Martínez Campos, "todos os anos ofertamos todos os deportes que podemos pero necesitamos un mínimo de xente para realizalas polo que non sempre podemos pechar todos os grupos". De todos os xeitos, indica o concelleiro que "cando non conseguimos completar algunha escola, axudámolos a buscar un club próximo para que podan comezar a practicar este deporte e ao final facemos unha xornada deste deporte no concello".
A intención do Concello é seguir apostando polas escolas deportivas e poder ter os grupos pechados este mes para poder iniciar a actividade o 1 de outubro. Aínda que en ocasións anteriores estas remataron o 31 de maio este ano tentarán prolongalas ata o fin do ano escolar.
Os interesados en anotarse ás escolas poden facelo no departamento de Cultura e Deportes do Concello lembrando que o prezo por actividade é de 10 euros por persoa ao mes con descontos do 50% por segunda actividade ou irmán. O prazo de inscrición remata o 21 de setembro.