O Concello de Rábade crea as escolas deportivas para adultos
O Concello de Rábade porá a funcionar este ano as escolas deportivas para adultos por primeira vez. Para iniciar estas escolas comezarán con zumba, atletismo, tenis e tenis de mesa, aínda que estudan ampliarlas tamén con tiro con arco e defensa persoal.
O prazo de inscrición para estas escolas de adultos estará aberto durante todo o ano, xa que poderán incorporarse cando así o desexen.
As escolas deportivas de adultos terán un prezo de dez euros por unha actividade que serán de cinco para os que se apunten a dúas. Para poder compatibilizar co horario de traballo, todas as escolas comezarán a partir das oito da tarde.
Segundo indicou o concelleiro de deportes de Rábade, Alejandro Martínez, "tíñamos xa gañas de poñer en marcha as escolas para adultos pero por uns motivos ou por outros ata o de agora non tivemos ocasión de crealas". Engade tamén que "0s adultos teñen posibilidades de ir ao ximnasio pero é importante que lles demos a ocasións de facer deporte en Rábade". O concelleiro indicou que coñeceu o fenómeno das escolas de adultos en Fuenlabrada e quixo incorporar en Rábade un sistema similar.
Por outra banda, o concelleiro indicou tamén que se abrirá en horario nocturno nos próximos días unha zona no pavillón para que os adultos podan usar as máquinas e a zona de escalada.