O Concello de Rábade recupera o tramo que vai do Camiño Real a Ferrol

LugoXa | TerraChaXa
As actuacións inclúen a limpeza e desbroce da traza orixinal, a reposición do firme, o desentullo de cunetas e a recuperación de elementos tradicionais
tramo-camino-real-rabade
16 Oct 2025

O Concello de Rábade vén de acometer, con cargo ao Programa Aprol Rural 2025 da Xunta de Galicia, os traballos de recuperación do tramo do Camiño Real a Ferrol, unha antiga vía de comunicación que permanecía intransitable desde hai anos debido ao deterioro e á falta de mantemento.

As actuacións inclúen a limpeza e desbroce da traza orixinal, a reposición do firme, o desentullo de cunetas e a recuperación de elementos tradicionais, como muros de pedra e pasos de auga, co obxectivo de conservar o valor histórico e patrimonial desta ruta que forma parte da memoria colectiva do municipio.

A alcaldesa, Reme González, supervisou persoalmente o avance das obras e destacou a importancia de recuperar este camiño “que contribúe a mellorar a mobilidade peonil e a conexión entre distintas zonas do concello, favorecendo o contacto coa natureza e o desfrute do entorno”.

Unha vez rematados os traballos, o tramo volverá ser plenamente accesible para os veciños e veciñas, permitindo retomar paseos, rutas de sendeirismo e actividades culturais e deportivas vinculadas ao Camiño Real.

⚙ Configurar cookies
0.10192608833313