O Concello de Ribadeo, a Xunta e o Goberno central abordan en Madrid a situación da praia das Catedrais

TerraChaXa | AMariñaXa
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asistiu a un encontro en Madrid coa directora general de Costas, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e coa directora xeral de Patrimonio, da Xunta.
20 Mar 2019

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asistiu a un encontro en Madrid coa directora general de Costas, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e coa directora xeral de Patrimonio, da Xunta. Á saída desa xuntanza o rexedor avogou polo entendemento común de todas as administracións que teñen competencia neste momento na praia das Catedrais. Suárez Barcia contou que hai uns días no Concello foi aprobado de xeito provisional o plan especial da contorna do emblemático areal, que agora so está pendente de ser enviado ao Ministerio, para o seu visto bo definitivo. O alcalde subliñou que lle preocupa todo o que pase na praia das Catedrais todos os días do ano, lembrou que se trata dun espazo natural, singular, salvaxe e dinámico, “non é unha praia do Mediterráneo, non é unha praia do Levante” e engadiu que “desde as administracións queremos dar unha imaxe ao mundo de traballo conxunto”.

O rexedor ribadense declarou que “por parte do Concello de Ribadeo acudín, convidado pola Xunta de Galicia, a este encontro. Non queremos ser alleos a nada do que se fale e do que se acorde nas Catedrais. Sabemos que, para que todo funcione ben, debemos estar coordinados entre todas administracións con implicacións e con responsabilidade sobre ese entorno, unhas máis que outras, e o Concello neste caso é a parte, é a administración máis pequena. Non discutimos o que se nos queira encomendar a nosoutros, pero esiximos que sexa en termos de homoxeneidade, da mesma maneira que se lle pode esixir a calquera outro concello da costa galega ou estatal”.

Suárez Barcia seguiu a relatar que “polo tanto, aí non discrepamos, asistimos e vemos que hai diferentes visións por parte da Xunta e por parte do Ministerio. Nosoutros o que avogamos é por un entendemento que espero que sexa común a todos, porque As Catedrais é un patrimonio de todos, é un foco de atención mundial e eu por nada do mundo querería que por unhas liortas entre administracións, e ao mesmo tempo tendo en conta que estamos en período electoral, puideran ter un desenlace malo. Debemos garantir a seguridade e reforzala, non nos parece en absoluto mal que se reforcen as medidas de indicación e de suxerencias”.

O alcalde lembrou que “por parte do Concello, aprobamos provisionalmente o plan especial da contorna da praia das Catedrais, que excede máis aló do monumento natural, que é competencia autonómica. Agora estamos pendentes, segundo a lei de costas, de envialo ao Ministerio para que nos dea o último informe, antes da aprobación definitiva, para que a Xunta poida proceder á aprobación definitiva. Todo isto significa que con este plan especial aprobado poderíanse determinar, e poñer encima da mesa, actuacións de cara a facer sendeiros replicando os que hai cara ao este desas pasarelas de madeira, que tamén poderían ser un lugar para descargar moitísima presión sobre a praia, e sobre todo o perigo cando hai marea alta e cando no inverno non hai area que os visitantes que participan da praia ao longo de todo o ano, non soamente en época estival, puideran desde un lugar cómodo e sostible, sen erosionar o medio ambiente, sacar fotos, ver as imaxes, etc… Máis aló diso poderíamos tamén regular os aparcamentos e establecer todos os principios e as prioridades que ese plan especial marca, e que ten que ter o concurso de todas as administracións para poñer o diñeiro e levalo adiante”.

Fernando Suárez dixo: “estou moi contento porque levamos varios anos de tramitación, catro anos concretamente, estamos xa na fase final e tivo o  concurso, a achega e os informes favorables de todas as administracións, tanto autonómicas como estatais. Esperemos que en cuestión de semanas poida ser unha realidade para ser aprobado definitivamente para que, á volta das eleccións xerais, etc…, poidamos poñer os documentos fieis enriba da mesa, e para programar actuacións que redunden na sostibilidade do entorno, e que siga sendo un lugar visitado, que sexa un referente mundial de seguridade e de boa xestión”.

Con respecto á vindeira campaña, Suárez Barcia manifestou que “como alcalde me preocupa o que vai pasar na Semana Santa, pero como alcalde me preocupa o que pasa todos os días do ano. A zona de baño que ten a praia das Catedrais é un espazo moi limitado. É un espazo natural, un espazo singular, e nos propios arcos e nos cantís practicamente ninguén se baña. Non é unha praia do Levante, non é unha praia do Mediterráneo, non é unha praia como no veciño concello do lado que ten dunas e areais. É un espazo natural, singular, salvaxe, agreste, dinámico e que require unha atención e un coidado por parte de todas as administracións. Eu sei que cada unha é moi celosa das súas competencias, sobre todo cando todo vai ben. Hai un dito que di a derrota non ten pai e a vitoria quere sempre ter pai. Neste caso queremos que, no concurso de todos, deamos unha imaxe ao mundo de traballo en conxunto, aínda que sexamos administracións diferentes, participadas por formacións políticas diferentes”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12338900566101