O concello de Ribadeo acometerá as obras de pavimentación da rúa Benito Pirieto Cousset
O Concello acometerá a obra de renovación do pavimento na rúa Benito Prieto Coussent. O investimento ascenderá a 80.000 euros e o prazo de execución será de 2 meses. As empresas interesadas poden presentar xa as súas ofertas. Será esta a primeira licitación que se realice de xeito totalmente electrónico.
O alcalde, Fernando Suárez, dirixiuse “a todas as empresas interesadas e cualificadas para facer esta obra que xa está na plataforma de contratos do Estado e tamén na dirección web de licitacionelectronica.ribadeo.org a obra de renovación do pavimento da rúa Benito Prieto Coussent, que vai ser a primeira que fagamos deste tipo por licitación electrónica. Non vai haber papel senón todo polos procedementos que regulan as últimas leis, que nos obrigan ás administracións públicas a licitar por procedementos electrónicos, moito máis rápido, moito máis fiable, etc…”.
O rexedor dixo que “agora as empresas terán un prazo de 20 días para poder presentar as ofertas. A duración da obra será duns dous meses e o orzamento de licitación é de 80.000 euros, exactamente 79.930,95 euros”.
Suárez Barcia subliñou que “é unha obra moi importante para esta rúa Benito Prieto Coussent, que está paralela á avenida Rafael Fernández Cardoso, que está moi deteriorada desde hai moito tempo e que todos eses veciños, desde hai tempo, levan demandando do Concello unha actuación en toda esta zona. Despois de varias reunións con eles, durante varios meses, optamos por facer a solución que respondía aos intereses da maioría e por unha opción que respondía a un compromiso real, de calidade e de boa conservación dese espazo público”.