O Concello de Ribadeo acometerá obras de mellora nas rúas Carlos III e Sor Pilar de León

TerraChaXa | AMariñaXa
29 Xan 2019

O Concello acometerá obras de mellora nas rúas Carlos III e Sor Pilar de León. Trátase da reparación do pavimento, pintado e sinalización deses vieiros. Os traballos suporán un investimento de 34.000 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 4 de febreiro.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “queremos levar adiante a reparación de pavimento dun treito importante da rúa Carlos III e da rúa Sor Pilar de León. Hai que ter en conta que este ámbito está nunhas condicións non de todo correctas, especialmente a rúa Sor Pilar de León, pero tamén a rúa Carlos III está nunha situación que ten fochancas, problemas coa auga, etc…”.
O rexedor explicou que “fixemos un pequeno proxecto que, a partir desta mesma mañá, está no perfil do contratante do Concello de Ribadeo para que todas aquelas empresas que queiran puxar por este contrato o poidan facer. Teñen de prazo ata o día 4 de febreiro, ás dúas da tarde. O importe desta obra ascende a uns 34.000 euros e queremos humanizar con aglomerado asfáltico, con pintado e con sinalización”.
Suárez Barcia contou que “tivemos en conta que nesta zona está o colexio Sagrado Corazón e queremos facer as obras cando molesten menos, polo que estivemos planificando para que os traballos importantes de aglomerado se fagan nesa semana onde non hai colexio, concretamente do 2 ao 6 de marzo, para molestar o menos posible, sempre e cando as condicións climatolóxicas o permitan”.
O alcalde engadiu que “queremos darlle un novo impulso a toda esta zona, que é certo que se encontraba nunha situación que non era o máis agradable para ser un punto urbano relativamente céntrico, e queremos que á volta dunhas semanas se lle cambie a faciana totalmente”.  

0.11611795425415