O Concello de Ribadeo busca financiamento para o arranxo da estrada dos Garitos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Ribadeo iniciará contactos con outras administracións para buscar financiamento para as obras de mellora da estrada dos Garitos, que vai paralela á vía de Feve, diante da falta de apoio da Xunta de Galicia.
21 Out 2020

O Concello de Ribadeo iniciará contactos con outras administracións para buscar financiamento para as obras de mellora da estrada dos Garitos, que vai paralela á vía de Feve, diante da falta de apoio da Xunta de Galicia. O rexedor lembra que o Concello ten listo o proxecto, que contempla un investimento de 360.000 euros nese vieiro, e tamén as autorizacións pertinentes. Suárez Barcia dixo que “estamos en disposición de poder licitar eses traballos, pero para iso hai que ter os cartos”, e aludiu aos acordos unánimes aprobados en pleno requiríndolle á Xunta a firma dun convenio para o financiamento desa obra, que ata o momento non chegou.

O rexedor explicou que “redactamos un proxecto, que ciframos en 340.000 euros, conseguimos as autorizacións pertinentes, tanto de Feve como unhas cesións que os colindantes debían facer, e polo tanto estamos en disposición de licitar, o que pasa é que para licitar unha obra necesitamos o máis importante que son os cartos, e vexo que o ano se acaba e que na Xunta unha cousa é predicar, como digo moitas veces, e outra cousa é dar trigo, e aquí ninguén chama ao Concello de Ribadeo para dicirnos se nos van dar algo, se non nos van dar nada ou se nos van dar unha migalla”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “en todo caso, a partir de agora imos iniciar contactos con outras administracións para ver se son sensibles cos problemas de Ribadeo, porque entendemos que este é un problema de Ribadeo, en canto ao tráfico de mercancías pesadas nun vial que é moi perigoso polo estado de conservación, porque non poden convivir os peóns que poidan pasar por aí andando cos vehículos de gran tonelaxe, e que é necesario resolver dunha vez por todas. Pero, como xa digo, para resolver temos que ter o financiamento axeitado, ese que a Xunta, despois de varias peticións unánimes de todos os grupos e de aquilo que se dixo e se prometeu que ían dar si ou si, pois de momento non ou non”.

 

0.14238715171814