O Concello de Ribadeo fai obras para crear 365 novas prazas de aparcamento gratuíto

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Ribadeo creará 365 novas prazas de aparcamento gratuíto na vila.
A Barosa 1
21 Xul 2020

O Concello de Ribadeo creará 365 novas prazas de aparcamento gratuíto na vila. Estarán situadas nas inmediacións da estación de autobuses e na rúa Ramón González. O Concello amplía en 1.000 metros cadrados o aparcamento de Julio Lazúrtegui e mellora o que está situado entre Daniel Cortezón e Pintor Fierros. A concelleira de Obras, Mónica Freire, subliña que o obxectivo é que a xente aparque comodamente en Ribadeo este verán e para dinamizar o tecido comercial.

A edil explicou que “durante estes días nos atopamos realizando tarefas de acondicionamento en catro puntos da vila para habilitalos como aparcamentos. Estamos acometendo labores de ampliación destes espazos con recheo de materiais e mellora de firme, así como traballos de sinalización e delimitación de perímetros”.

Mónica Freire relatou que “se trata de mellorar e ampliar en 1.000 metros cadrados aproximadamente o aparcamento da rúa Julio Lazúrtegui, que contará agora cunha superficie total de 2.500 metros cadrados. Tamén estamos a traballar en catro parcelas, de aproximadamente a mesma superficie, que están situadas detrás da estación de autobuses, e que se están a desbrozar estes días. Nelas faremos tamén traballos de acondicionamento de terreo, de sinalización e de delimitación do perímetro dos aparcadoiros”.

A concelleira de Obras engadiu que “a estes dous espazos hai que sumar un novo aparcadoiro na rúa Ramón González xunto co espazo que hai entre as rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros. Estes dous novos aparcamentos suman unha superficie duns 6.000 metros cadrados e nestes dous lugares estamos facendo estes días traballos de colocación de estacas perimetrais, o que entendemos que tamén pode dificultar o aparcamento, polo que quixera aproveitar para pedir paciencia polas posibles molestias que puidéramos ocasionar durante estas obras”.

Freire Rancaño engadiu que “en total, nestes catro novos espazos que estamos a acondicionar, quedarán unhas 365 prazas de aparcamento que virán, por un lado a amortiguar as que se perden de forma puntual os mércores pola nova ubicación do mercado no aparcamento municipal, e por outro lado as que se ocupan coa ampliación das terrazas. Son 26 as que se perden neste caso”. O aparcamento municipal conta con 170 prazas.

Para a concelleira de Obras “o balance é claramente positivo, en canto ao número de prazas de aparcamento dispoñibles. Esa é a nosa intención, facilitar todo o que poidamos tanto ás veciñas e aos veciños como aos visitantes que veñan a Ribadeo, aparcar comodamente, dinamizar o tecido comercial e facer a nosa vila o máis accesible posible”.

0.12240314483643