O Concello de Ribadeo inaugura a exposición fotográfica Síntese
O Concello de Ribadeo inaugura a exposición fotográfica Síntese sobre os proxectos realizados polo obradoiro de emprego Doc-Tic II. Esta interesante mostra está composta por 23 fotos seleccionadas entre as realizadas para os dous proxectos fotográficos que forman parte da actividade formativa e que se engade aos traballos de dixitalización de documentación histórica do Concello. Cada participante seleccionou 4 obras.
Con esta iniciativa móstrase parte do traballo realizado polos participantes nas dúas especialidades que integran este obradoiro que conta coa subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, nun 91,89%, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, para o período 2014-2020.
O acto inaugural terá lugar o vindeiro venres, 1 de marzo, ás 12:00 horas coa presenza do alcalde, Fernando Suárez, e outras autoridades do Concello.
A exposición Síntese poderase visitar ata o día 10 de marzo na Oficina de Turismo de Ribadeo en horario de 10 a 14 e de 16 a 18 horas.