O Concello de Ribadeo renova estes días 30 placas de rúas e prazas

TerraChaXa | AMariñaXa
En Ribadeo procédese estes días, por parte da empresa adxudicataria, á colocación de novas placas nas rúas e prazas da zona nova da vila.
Rúa Cabanas as pontes
10 Mar 2019

En Ribadeo procédese estes días, por parte da empresa adxudicataria, á colocación de novas placas nas rúas e prazas da zona nova da vila. O alcalde, Fernando Suárez, explica que así como se colocaron placas de Sargadelos no casco vello hai uns meses, agora estanse a renovar as placas noutras 30 rúas e prazas da zona nova, que nalgúns casos levan textos realizados polo cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez.

O rexedor manifestou que “desde o Concello queremos informar que nestes días estamos realizando un cambio nas placas das avenidas e das rúas do casco novo de Ribadeo, dado que hai máis ou menos dous anos fixemos un cambio nas placas do casco vello. Agora para unificar a sinalización, tal e como xa está no casco histórico, queremos facer o mesmo”.

Fernando Suárez dixo: “seguimos tomando como referencia Sargadelos. Parécenos moi importante ao Concello de Ribadeo utilizar a imaxe que ten desde hai moitísimos anos Sargadelos, de cara ao mundo, e queremos tamén que se identifique con Ribadeo, dado que son moi fortes os vencellos que Sargadelos e o seu fundador tivo con Ribadeo”.

O alcalde declarou que “coma sempre, desde Sargadelos fixeron estes deseños adecuados, inspirándose en emblemas de fundicións do propio Sargadelos, que aínda figuran en moitas balaustradas e en moitos edificios da vila, como pode ser o propio Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia quixo “avisar á xente para que non se sorprenda se ve nestes días que a empresa adxudicataria está colocando as placas por diferentes rúas e avenidas da vila”.

As avenidas e rúas nas que estes días o Concello de Ribadeo está a actuar son: rúa Camilo Barcia Trelles, rúa da Lodeira, Meniñas da Saudade, Grupo de Pescadores Justo Barreiro, avenida de Galicia, rúa José Vicente Pérez Martínez, avenida de Asturias, rúa Ramón González, Vilalba, Daniel Cortezón, Pintor Fierros, Alfredo Deaño, avenida de Luarca, rúa Reinante, San Francisco, Irmáns Moreno Ulloa, rúa da Alza, Luz Pozo Garza, Julio Lazúrtegui, Carlos III, avenida Rafael Fernández Cardoso, rúa Sor Pilar de León, Picarolas, Deputación, rúa dos Galos, da Casa do Pobo, avenida dos Irmáns Pérez Prieto e rúa Irmáns Suárez Couto.

0.10368704795837