O Concello de Riotorto impulsa un servizo de nutrición aberto á veciñanza

O Concello de Riotorto pon en marcha un novo servizo de nutrición dirixido a toda a poboación, co obxectivo de mellorar os hábitos alimentarios e atender distintas necesidades de saúde relacionadas coa alimentación. A iniciativa desenvolverase nas instalacións municipais e contará coa atención da nutricionista clínica Mónica Rodríguez Portela.
Este servizo está orientado a persoas con enfermidades crónicas ou situacións clínicas complexas, así como a pacientes con diabetes, resistencia á insulina ou síndrome metabólico. Tamén se ofrecerá asesoramento para casos de hipertensión, problemas de colesterol, trastornos dixestivos e situacións de dor crónica, inflamación ou fatiga persistente.
Ademais, o programa inclúe apoio na educación alimentaria e na relación coa comida, prestando especial atención a persoas con longa traxectoria de dietas restritivas e efectos rebote. O obxectivo é promover hábitos saudables sostibles no tempo e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
A próxima sesión terá lugar o mércores 22 de abril, cun horario de atención de 10:00 a 14:00 horas. Para acceder ao servizo será necesario solicitar cita previa a través dos servizos sociais municipais.
O prezo establécese en 20 euros por sesión, aínda que o servizo está cofinanciado polo propio Concello de Riotorto, facilitando así o acceso a un maior número de persoas.