O Concello de Riotorto inviste preto de 60.000 euros na rede de saneamento de Chacín
O Concello de Riotorto promove a obra de construcción dunha “rede de saneamento da vertente este do lugar de Chacín” cun importe de 59.975,45 euros.
A intervención pretende canalizar as augas residuais procedentes das vivendas cara a un punto de vertido, situado na vertente Leste, onde se situará a estación depuradora.
A recollida comezará nunha arqueta ou pozo onde acometerán as saídas particulares das vivendas e discorrerán por tubaxes plásticas. Os colectores discorrerán polas marxes dos camiños e estradas do lugar e nalgúns casos por fincas particulares coa fin de axustar o trazado ás esixencias técnicas e particulares da obra. Cada encontro entre ramais, cambio de dirección da rede ou novas acometidas, resolveranse cun pozo circular rexistrable. Todas as tubaxes se conectarán ao sistema de depuración proxectado composto por unha fosa-filtro compacta, para unha capacidade de 40 habitantes.
Para resolver a totalidade da rede de Saneamento do lugar Chacín será necesaria, noutra actuación posterior, a instalación doutra fosa-filtro na parte oeste ou baixa do núcleo onde se congregan un menor número de vivendas.
A obra ten un prazo de execución de dous meses.