O Concello de Vilalba abrirá o prazo para as escolas deportivas este xoves

TerraChaXa
A oferta é de 662 prazas en 14 modalidades deportivas diferentes que inclúen actividades para todas as idades
escolas-deportivas
9 Jul 2025

O Concello de Vilalba abrirá o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais para o vindeiro curso, 2025-2026, do 10 ao 19 de setembro, ambos incluídos.

Así vén de confirmarse logo da publicación das bases que rexerán o funcionamento das escolas deportivas municipais a vindeira anualidade, na que se ofertan 662 prazas en 14 modalidades deportivas diferentes, que inclúen actividades para todas as idades.

“Dende o Concello seguimos apostando polo deporte como ferramenta de benestar, saúde e cohesión social. As escolas deportivas municipais son xa unha proposta consolidada e moi valorada pola veciñanza” afirmou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

No que se refire ás modalidades deportivas, o vindeiro curso seguirán ofertándose: baloncesto, fútbol, fútbol sala, judo, loita olímpica, tenis, tenis de mesa, tríatlon, ximnasia rítmica, rugby, ioga, pilates, ximnasia de mantemento para maiores e patinaxe.

Para inscribirse, as persoas interesadas poderán facelo do 10 ao 19 de setembro, presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00, ou se o prefiren a través da sede electrónica ou da web de alugueiro de instalacións e inscrición en actividades.

“É unha satisfacción poder seguir medrando, ampliando a oferta e á súa vez, mantendo actividades dirixidas tanto á infancia como ás persoas maiores, porque queremos que toda a cidadanía atope o seu espazo para activarse, aprender e compartir”, concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

CONSULTA OS HORARIOS NESTE ENLACE

horarios-escolas-deportivas
⚙ Configurar cookies
0.17345285415649