O Concello de Vilalba acada dúas subvencións para dous proxectos do polígono Sete Pontes

O Concello de Vilalba vén de recibir a resolución da concesión de dúas subvencións por importe de 204.012 euros para levar a cabo dous proxectos de mellora das dotacións públicas no polígono industrial Sete Pontes.
Unha das axudas, por importe de 120.000 euros, corresponde ao proxecto de reforzo do firme e sinalización na rúa do Castiñeiro, rúa do Salgueiro e rúa Acivro, no parque empresarial. Un proxecto cun investimento total de 190.000 euros, dos cales o Concello de Vilalba se fará cargo nun 40 %.
Pola súa banda, o Concello de Vilalba tamén acadou unha subvención para un proxecto de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público do polígono industrial, por un importe de 84.012,76 euros, que supoñen o 80% do investimento total.
Nesa liña, dende o Concello de Vilalba “presentáronse dous proxectos minuciosamente deseñados para acadar as subvencións de concorrencia competitiva da Consellería de Economía e Industria nas que se valoran por puntos as actuacións a desenvolver”, explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Así mesmo, Rouco subliñou que se trata “dunha actuación por parte do goberno local coa que damos resposta ao compromiso acadado coa Asociación de Empresarios Sete Pontes para mellorar as dotacións públicas do parque empresarial”.
Finalmente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “esta fórmula, a de presentar proxectos a axudas de concorrencia competitiva, é a única vía pola que conseguimos investimentos da Xunta de Galicia e dende o goberno local seguiremos insistindo para acadar orzamentos que nos permitan mellorar a vida dos veciños e veciñas e, neste caso, dos nosos empresarios”.
COMPROMISO COS EMPRESARIOS
Ámbolos dous proxectos súmanse a diversas actuacións que o goberno local realizou nos pasados meses para cumprir os compromisos acadados coa Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes.
“O ano pasado, entre outras actuacións, acadamos a certificación de Concello Emprendedor logo de que o goberno local levase a pleno a modificación das ordenanzas municipais necesarias”, afirmou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Así mesmo, o Concello de Vilalba tamén deu resposta “ás demandas da asociación de empresarios para unha maior limpeza e acondicionamento do polígono industrial, así como o repintado e a sinalización horizontal e vertical das rúas do parque empresarial”, concluíu a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.