O Concello de Vilalba acomete a rexeneración da Travesía de Foz para mellorar os accesos a vivendas e garaxes

O Concello de Vilalba iniciou os traballos de rexeneración da Travesía de Foz, unha intervención impulsada pola Concellería de Infraestruturas Urbanas que ten como obxectivo mellorar o acceso ás vivendas e garaxes da zona. Esta vía, que une a Rúa de Muras coa Rúa de Foz, é utilizada por numerosos veciños e veciñas que reclamaban dende hai tempo unha actuación ante o seu deterioro.
A intervención contempla a recuperación integral do vial, que presentaba múltiples baches e zonas con difícil tránsito debido ao desgaste acumulado do firme. As obras inclúen a ampliación da superficie, a realización dun tratamento semiprofundo e a aplicación dunha dobre rega asfáltica, cun investimento total de 4.100 euros.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou que esta actuación é 'importante para o día a día das persoas que viven nesta zona', lembrando que 'os veciños solicitaron esta mellora e o Concello responde con feitos'. Engadiu tamén que 'dende a Alcaldía seguimos apostando por actuar en todas aquelas zonas que precisan unha intervención urxente co obxectivo de mellorar o día a día e os servizos públicos para os veciños e veciñas'.
Con esta obra, o goberno local continúa desenvolvendo o seu plan de mellora e mantemento das rúas municipais, garantindo un acceso máis seguro e cómodo ás vivendas e aos servizos públicos.