O Concello de Vilalba acometerá a renovación integral do vial entre A Chá e Pasarelle en San Simón

O tenente de alcalde de Vilalba, Modesto Renda, anunciou este venres a renovación da vía que une os barrios da Chá e Pasarelle, situados na parroquia de San Simón. Trátase dun novo proxecto de mellora da rede viaria no ámbito rural, co que o Concello responde ás demandas trasladadas pola veciñanza da zona.
Segundo informou Renda, a actuación contempla a renovación completa do firme mediante o recargo e nivelación das capas base da vía, así como a súa posterior pavimentación cun sistema de dobre rega asfáltica, que permitirá mellorar significativamente o estado da estrada.
Ademais, o proxecto aprobado inclúe a limpeza das cunetas, co obxectivo de garantir un mellor drenaxe e contribuír a aumentar a vida útil da vía.
A obra será financiada con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo correspondente á anualidade 2025. Esta intervención súmase a outras que o Goberno local está a desenvolver para mellorar a accesibilidade e a calidade das infraestruturas viarias nas parroquias do municipio.