O Concello de Vilalba actúa no parque da rúa Emigración

O Concello de Vilalba vén de levar a cabo novas actuacións no parque infantil da rúa da Emigración, co obxectivo de seguir mellorando a infraestrutura e adaptala ás necesidades detectadas no seu uso diario.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron o parque para comprobar o resultado destas intervencións, que se centraron principalmente en reforzar a seguridade dos nenos e nenas e mellorar algúns dos elementos de xogo existentes.
Durante a visita, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinalou que “estas actuacións responden a peticións das familias e forman parte dunha forma de traballar baseada na mellora constante dos espazos públicos”. Rouco subliñou que “escoitar o parecer dos veciños e veciñas e introducir axustes cando é necesario é clave para garantir que as infraestruturas cumpran correctamente a súa función”.
As melloras realizadas inclúen a colocación dun novo valado perimetral de 26 metros de lonxitude, unha medida demandada polas familias para evitar situacións de risco, especialmente para os máis pequenos. Ademais, procedeuse á substitución do columpio de cesta por un novo e á reposición do asento da tirolesa, garantindo así o bo estado e o uso seguro dos xogos.
Neste sentido, Marta Rouco destacou que “os espazos infantís requiren un seguimento continuo e actuacións periódicas, e este goberno local ten claro que a prioridade é a seguridade e o benestar das familias”.
Por último, a alcaldesa avanzou que nas vindeiras datas, unha vez melloren as condicións meteorolóxicas, o Concello de Vilalba iniciará os traballos para a renovación integral do parque Rosalía de Castro, así como a instalación dun novo parque infantil no campo da feira, xunto á pista multideporte, dando continuidade á mellora dos espazos públicos destinados á infancia e ao lecer familiar.