O Concello de Vilalba adxudica as obras do novo parque acuático
O Concello de Vilalba adxudicou as obras construción do novo parque acuático da Madalena, que servirá para impulsar e ampliar as posibilidades de ocio desta zona fluvial.
A empresa encargada da actuación é Obras e Servizos Gómez Crespo e o orzamento dos traballos será de 643.473 euros máis IVE. O proxecto contempla 3 piscinas, un edificio de servizos semisoterrado na ladeira, e varias zonas para descansar e tomar o sol, así como unha rampla que servirá para conectar entre si a zona fluvial coa das piscinas.
Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río.
“Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos”, asegura Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas.
Pola súa parte, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, agradece de novo “o apoio que nos brinda a Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar este espazo natural que é a Área Recreativa da Madalena, e ofrecer ás familias e a toda a veciñanza que se queira achegar unhas instalacións en boas condicións, adaptadas ao entorno e pensadas para o desfrute”.
Características
Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementarase con surtidores de auga que potencien e estimulen os xogos nesa área.
Tamén contará cun edificio de servizos que estará semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura integraranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Haberá tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas.
A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe a construción dunha rampla que comunique a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.
Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada servirá como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.