O Concello de Vilalba adxudica novas obras en camiños de catro parroquias
O Concello de Vilalba adxudicou obras cun investimento de 140.000 euros para a pavimentación, limpeza e renovación de camiños en varias parroquias do municipio.
En concreto, realizará traballos en tres viais na parroquia de Samarugo, nos núcleos de Cornide, Lobán, e un terceiro camiño no Vial 065_050 e no Vial 065_081. Haberá tamén obras en catro viais na parroquia de San Simón da Costa, nos núcleos de Besta de Arriba, Racamonde, Vilardebín e outro tramo no Vial 065_049.
Outra das actuacións, todas elas dentro do Plan Único da Deputación de Lugo, será para a apertura e limpeza de noiros, pavimentación, rexeneración e sinalización da vía de titularidade municipal que da acceso a Muruxás, na parroquia de Lanzós. A última das obras é no camiño de titularidade municipal que da acceso ó Picouto, na parroquia de Lanzós, dende Goiriz.
A maior parte destes viais son de acceso ós barrios e núcleos de poboación das parroquias e teñen unha importancia fundamental para a circulación de vehículos lixeiros, pesados e maquinaria de todo tipo en dirección ás vivendas, explotacións agrogandeiras e parcelas agrícolas ou forestais.
“O Concello de Vilalba investiu neste mandato municipal máis de dous millóns de euros na renovación da rede viaria nas súas parroquias, unha prioridade do goberno local para mellorar as comunicacións e a seguridade”, explica Luís Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.