O Concello de Vilalba adxudica obras de mellora en camiños de varias parroquias
O Concello de Vilalba adxudicou traballos de mantemento e mellora en varias vías de titularidade municipal de diferentes parroquias do municipio.
Dunha banda, melloraranse os accesos a parcelas agrícolas nas parroquias de Nete, Insua e A Torre. Concretamente, trátase da vía de acceso ao Caxigal dende a estrada a LU-541, en Nete, e do vial que dá acceso a Marcelle dende a estrada provincial LU-P-6506, atravesando Insua e A Torre.
Doutra banda, tamén se acometerán melloras nas vías das parroquias de Corvelle e Codesido. Neste caso os traballos realizaranse nos accesos ó Foxo dende o núcleo de Sar, en Corvelle, e no acceso a Rebordelo, en Codesido.
“Vilalba ten unha gran densidade de vías deste tipo, polo que realizamos un importante esforzo asegurando o mantemento de toda a rede municipal”, sinala Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.
Estes viais soportan un importante fluxo de tráfico rodado, tanto por parte da cidadanía como dos traballos relacionados coas explotacións agrícolas. Ademais, estas vías supoñen nalgúns casos un elemento vertebrador da comunicación entre os distintos barrios que atravesan.
As actuacións implican un investimento de case 160.000 euros que permitirán realizar o mantemento de oito quilómetros de vía. “Estamos nunha etapa na que é moi complicado adxudicar obras polo contexto económico, hai moitos problemas de subministro de material e numerosos concursos quedan desertos en todo o país”, engade Fernández.