O Concello de Vilalba ampliará e mellorará o parque infantil
O goberno de Vilalba vén de recibir a notificación da Xunta de Galicia coa aprobación do proxecto de ampliación e mellora do parque infantil situado na praza da Constitución, que será subvencionado nun 70% polo organismo autonómico. Do orzamento total de 48.380,63 euros, a Xunta fará fronte ao pago de 36.866,44 euros, quedando a diferencia baixo a responsabilidade da entidade local.
A execución deste proxecto permitirá ampliar este parque creando un espazo adaptado a todas as idades e necesidades de nenas e nenos. Colocaranse xogos inclusivos e adaptarase esta zona á normativa vixente en materia de parques infantís, ademais de renovar o pavimento.
En concreto, o proxecto proposto polo goberno local recolle a renovación e colocación de pavimento amortiguador de seguridade, a retirada e recolocación dos xogos infantís existentes, a supresión de elementos de risco e a colocación de novos xogos homologados. Tamén se contemplan bancos de madeira e un peche perimetral que impida a saída accidental dos pequenos e pequenas sen a vixilancia da persoa adulta a cargo.
“É importante que se dispoñan xogos para todas as idades e circunstancias vitais, respectando as áreas de seguridade e adaptando os parques ás necesidades da infancia e das familias”, afirman desde o goberno.