O Concello de Vilalba arranca o Nadal este venres co acendido da luces e música en directo

O Concello de Vilalba presentou hoxe o programa do acendido de luces do Nadal, que terá lugar este venres 5 de decembro ás 19:00 horas no templete da Praza da Constitución.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo, avanzaron unha programación pensada para “dar inicio a un Nadal vivo, participativo e feito para desfrutar en familia”.
A música será protagonista da tarde coa actuación en directo de Carolina Rubirosa, xurado do programa da TVG A liga dos cantantes extraordinarios, que ofrecerá un concerto a dúo acústico con cancións de Nadal, pezas populares e parte do seu repertorio propio.
A alcaldesa destacou que “queremos que Vilalba acenda o Nadal con ilusión colectiva e con artistas que coidan a nosa lingua e cultura musical”.
Os encargados de premer o botón do acendido serán José Cuba e o Club de Loita Vilalba. Un xesto simbólico co que o Concello de Vilalba quere recoñecer a traxectoria do deportista vilalbés, que este ano acadou o vixésimo campionato de España sénior de loita olímpica, así como o labor do club, que continúa sumando éxitos e levando o nome de Vilalba por toda a xeografía.
Neste sentido, Marta Rouco sinalou que “é unha honra que o noso Nadal comece da man dun dos deportistas máis destacados da historia do municipio e dun club que é exemplo de esforzo, disciplina e orgullo vilalbés”.
As familias tamén terán un protagonismo especial, pois o Concello entregará un agasallo luminoso para os nenos e nenas que se acheguen á Praza da Constitución.
O acendido marcará o inicio dun fin de semana festivo, no que o espírito do Nadal se deixará sentir polas rúas. O I Mercado de Nadal do Concello de Vilalba abrirá o sábado 6 de decembro, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas na Praza de Santa María, e continuará o domingo 7, coincidindo co día de feira, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. Ademais, o domingo pola tarde haberá baile coa música do Dúo Venus no Centro Cultural, de 17:00 a 20:00 horas.