O Concello de Vilalba arranxará as rúas do Calvario e dos Pepes incluíndo o cruceiro
O Concello de Vilalba anuncia un proxecto de renovación da rede municipal de abastecemento de auga nas rúas Calvario e Os Pepes, cun orzamento total de 299.990 euros. As actuacións elementais atinxen á demolición do firme existente, renovación da rede de pluviais e da rede de abastecemento e de iluminación, incorporando pavimentos de granito e beirarrúas con sinalización e colocación de mobiliario novo. O Concello custeará parte do proxecto, do que esperan recibir canto antes a partida máis importante dos fondos de compensación, pedindo á Xunta que liberen os cartos para poder licitar a obra.
A maiores da demolición e posterior renovación completa das canalizacións de auga baixo o pavimento, veranse afectadas as canalizacións de alumeado público, dispoñendo de maneira adicional unha rede de pluviais para a recollida da auga procedente de sumidoiros e baixantes, que transformará a rede municipal de augas residuais en separativa nese tramo.
Para o equipo de goberno, o comezo das obras aínda sen data concreta “pode ir na senda dunha nova normalidade sempre respectando as normas de seguridade indicadas, máis se cabe nesta situación de excepcionalidade”. Ademais, nesta zona estanse a sufrir na actualidade continuos problemas de roturas e falta de presión debidos ao estado, calidade dos materiais e diámetro das tubaxes.
Por outra banda, as beirarrúas atópanse deterioradas, con fochancas e baldosas erguidas e pavimentos deslizantes que incumpren a normativa en materia de accesibilidade. Por este motivo prevese o ensanche e renovación completa das beirarrúas de ambas rúas, así como a humanización e posta en valor da pequena praza existente no punto de encontro en ambas, así como do cruceiro alí ubicado. Neste senso, cumpriranse as normas de accesibilidade vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia, con beirarrúas de 2 metros de ancho agás nalgún punto onde o trazado o impide, e o pavimento táctil estará feito de material antideslizante e permitirá a fácil detección e recepción de información mediante o pé ou a cana para persoas con discapacidade visual.
A colocación de mobiliario urbano e sinalización vertical e horizontal transformará os espazos existentes en zonas máis seguras e cómodas para os peóns, co fin de resaltar o seu uso preferente, cambiando a estética do entorno coa colocación de bancos, alcorques, soportes para bicicletas e xardineiras.