O Concello de Vilalba asume a xestión do servizo de madrugadores
O pleno municipal de Vilalba tratará este xoves as novidades na xestión do servizo de madrugadores, que pasará a asumir o concello e se comezará a prestar nos centros educativos neste próximo curso escolar.
Ata o de agora, eran as propias Anpas de Vilalba as que xestionaban o servizo nas ludotecas coa colaboración do concello, sendo necesario trasladar posteriormente aos nenos e nenas en autobús aos centros.
O concello asume agora o servizo e sacarase a licitación. Neste próximo curso beneficiaranse do mesmo uns 60 nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros educativos de Vilalba que así o solicitaron. O horario será de 07:30 a 09:30 horas no CEIP Antonio Ínsua Bermúdez; o CEIP Manuel Mato Vizoso e a Escola de Educación Infantil de Vilalba.
“Temos que atender a crecente demanda das familias dos centros de Educación Infantil e Primaria do noso concello, xa que o servizo constitúe unha peza clave para a conciliación da vida familiar e laboral, facilitando así a incorporación de homes e mulleres ao mercado laboral en igualdade de condicións”, explica Marta Rouco, concelleira de Servizos Sociais de Vilalba.
Ademais, a edil engadiu que “cumprimos cun dos compromisos deste goberno, adquirido principalmente coas Anpas, asumindo a xestión directa deste servizo público”.
O pleno debaterá tamén o xoves as tarifas do servizo. As familias interesadas poderán inscribir a un neno ou nena os 5 días da semana (40 euros ao mes) ou días soltos (seis euros diarios).
O custo aproximado do servizo ascenderá a 60.000 euros. Os ingresos vía taxas dos usuarios/as, no caso de cubrirse todas as prazas, rondará os 24.000 euros, asumindo o concello os 36.000 euros restantes.