O Concello de Vilalba busca novas datas para o FIV 2021
O Concello de Vilalba está valorando a situación sanitaria vixente, descartando xa a celebración do FIV de Vilalba nas datas habituais do mes de abril.
Logo da cancelación da edición de 2020, o Concello de Vilalba está a facer todos os esforzos por conseguir manter a edición de 2021 nunha nova data, cun formato adaptado a actual situación sanitaria na que se garantice a seguridade sanitaria como prioridade máxima.
Na situación actual, na que a crise económica é cada vez máis acuciante, o FIV de Vilalba debe ser un impulso para a recuperación económica desta vila, e de sectores tan perxudicados como o turismo, a cultura e a hostelería. Por este motivo, dende o Concello de Vilalba buscarase unha alternativa as datas habituais de celebración, e que se darán a coñecer próximamente.
O FIV de Vilalba caracterízase por ser un evento que se adaptou co paso de cada unha das edicións tanto á vila de Vilalba como aos seus cidadáns, por iso, os motivos que levaron a tomar esta decisión son estritamente de seguridade sanitaria, xa que está na obriga garantir a saúde de todas as persoas implicadas na realización e desenvolvemento do evento, así como a dos asistentes, que é o máis importante para que o festival se celebre.
O resultado será un festival seguro que promove unha cultura de calidade e adaptado á nova situación, ubicado en datas máis próximas ao verán. Todo o equipo traballa xa nunha proposta axustada ás novas circunstancias da que próximamente se darán a coñecer máis detalles.