O Concello de Vilalba completa a rexeneración das rúas Rouco Varela e avenida de Cospeito

O Concello de Vilalba vén de concluír os traballos de rexeneración integral do pavimento das rúas Bispo Rouco Varela e Avenida de Cospeito.
Unha actuación cunha inversión de 35.000 euros que incluíu a renovación da capa de rodaxe mediante unha capa de aglomerado en quente, que permite regularizar e impermeabilizar a calzada. Estando previsto que nas vindeiras datas a obra se complete coa sinalización horizontal da vía.
Pola súa banda, a Avenida de Cospeito tamén viu renovado o seu firme, no tramo entre a Rúa Foz e a Rúa Abadín, mediante o estendido dunha nova capa de rodaxe. Ao que se sumará a recolocación dos pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros existentes, así como a sinalización horizontal da vía.
“Unha actuación que segue a liña do impulso dun novo modelo urbano, un proceso xa comezado o pasado mandato para humanizar os espazos públicos e renovar as infraestruturas municipais”, valorou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Nesa liña, a rexedora vilalbesa adiantou que “o vindeiro luns, 2 de xuño, darán comezo as obras de renovación integral da rúa Benxamín Paz, que incluirán a renovación e ampliación de beirarrúas, a repavimentación da estrada, a sinalización horizontal e vertical, a renovación da rede de alumeado e a colocación de árbores”.